Epidemioloxía das UPP en España

0 comentarios comentarios

Epidemioloxía das UPP en España

As UPP son un problema de magnitude importante, máis aínda se consideramos que máis do 95% son evitables e a súa presenza é un indicador de calidade negativo. Non só xeran un problema de saúde, senón tamén un elevado gasto económico ao sistema sanitario.

No ano 2006 realizouse un estudo denominado Unha aproximación ao impacto do custo económico do tratamento das úlceras por presión en España no que se expoñía que o custo por episodio era de 211 € para o estadio/categoría I e de 16.600 € para o estadio/categoría IV.; sendo o custo global duns 1687 millóns de euros, o que supoñía un 5,2% do gasto sanitario total do noso país.
Actualmente, segundo o GNEAUPP, o custo estimativo sobre o tratamento das UPP supera os 600 millóns euros/ano; e afectan ao día a máis de 90.000 persoas (o 20% <65 anos) que reciben atención domiciliaria, coidados en residencias ou son atendidas en centros hospitalarios, en España. Tendo en conta o número de afectados, cuantificouse o custo de prevención en 1,7 €/día, cando curar unha UPP costa, polo menos, 46 € ao día .
Segundo o 4.º estudo nacional de prevalencia de UPP en España, realizado no ano 2013, as cifras de prevalencia de UPP nos centros sanitarios e sociosanitarios (CSS) españois aumentaron nos tres ámbitos asistenciais en relación aos estudos nacionais anteriores:
  • En atención primaria (AP) a prevalencia é do 8,51% (rango entre 7,96-9,1%) para os pacientes >14 anos, incluídos no programa de atención domiciliaria.
  • Nas unidades de hospitalización a prevalencia de UPP en adultos alcanza o 7,87% (rango entre 7,31-8,47%) mentres que en unidades pediátricas é do 3,36% (rango de 1,44-7,61%).
  • Nos C SS a prevalencia sitúase no 13,41% (rango entre 12,6-14,2%), polo que aumentou máis do dobre con respecto a estatísticas anteriores.
  • Referente ás lesións máis frecuentes, as de categoría I representan o 15,2%; de categoría II o 48,7%; de categoría III o 21,2% e as de categoría IV o 11,3%.
  • As localizacións máis frecuentes das UPP foron: sacro (30,7%), seguido de talón (28,6%), trocánter (7,0%), maléolo (6,4%), glúteo (6,1%), dorso pé/deda (4,7%), isquion (3,5%) e perna/xeonllo (2,8%).
  • O maior risco de desenvolvemento dunha UPP no ámbito hospitalario, tras o cálculo de prevalencia en adultos axustada segundo o tipo de unidade, dáse nas unidades de críticos. En AP, o axuste de prevalencia segundo a localización do centro de saúde, indica que é menor nos centros rurais (poboación menor de 10.000 habitantes), e por tanto maior nos centros urbanos ou mixtos. En CSS, a prevalencia é menor nos públicos fronte aos concertados ou privados.
    Segundo o estudo nacional de efectos adversos ligados á hospitalización (ENEAS), levado a cabo en hospitais, os eventos adversos (EA) relacionados cos coidados supuxo unha incidencia de UPP do 3,66%; podéndose evitar (segundo a taxa de evitabilidade) o 55% delas. No Estudo sobre a seguridade dos pacientes en atención primaria de saúde (APEAS), as UPP relacionadas como EA en atención primaria supuxeron unha prevalencia de 3,4%, cunha taxa de evitabilidade do 71,1%. Finalmente, no estudo de eventos adversos en residencias e centros asistenciais sociosanitarios (EARCAS), realizado en CSS, pon de relevo que a incidencia de UPP ten un risco estimado de que ocorra varias veces ao ano, pero inferior a unha vez ao mes; aínda así se evidencia que a formación adecuada do profesional axudaría a reducir polo menos o 70% dos EA asociados a UPP en CSS.

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde